Quantcast
Channel: Xerais » héctor_carré
Viewing all articles
Browse latest Browse all 17

Unha novela atraente en torno á febre do volframio. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Febre», de Héctor Carré

$
0
0

O crítico Francisco Martínez Bouzas publica no seu blog Novenoites unha recensión crítica de Febre, de Héctor Carré, Premio Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011.

A febre do volframio

Xa hai ben de anos que o escritor catalán Joles Sennell escribía que a literatura infantil e xuvenil é a que tamén poden ler os nenos e as nenas. Esta peza narrativa de Héctor Carré, gañadora da 5ª edición do Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011, así o pon de manifesto. En efecto, Febre é unha fermosa e moi ben enfiada proposta ficcional que tira con forza da atención lectora, sobre todo unha vez lidas as primeiras páxinas. Un libro que lemos con pracer os adultos pero que é asemade moi recomendable para o público xuvenil ao que, en principio, vai dirixido. Aconsellable, sobre todo, porque foxe da “xuvenilización” da literatura xuvenil, ese hábito / vicio que acostuma a facer naufragar a tantos subprodutos do xénero, que semellan escritos para adolescentes apalermados ou papaleisóns. Non é este nin un libro light nin unha peza narrativa na que escintilen os valores de sempre, os topoi do consenso social e comunal; con mínimos parámetros de didactismo e ningún moralismo, eludindo os tópicos deste tipo de literatura e sen esconder a realidade.

Concordo con certa crítica que define este libro como “pedagoxica e politicamente incorrecto”, porque non agacha o sexo, a prostitución, o acoso sexual, o estigma da homosexualidade naqueles primeiros tempos da nosa posguerra; nin tampouco aquel mundo do diñeiro fácil, do señorío do volframio, dos turbios negocios caciquís, da pleitesía aos capitostes, da fachendosa e arbitraria violencia da garda civil. Xa que logo, na miña estima, un libro sabiamente ilustrativo para eses adolescentes aos que a literatura, suponse, debe abrirlles as fiestras da realidade e fomentar o espírito crítico.

A novela de Héctor Carré mergúllanos na vila de Noia e na súa bisbarra nos tempos da febre do volframio, un mundo alterado polo frenesí  do diñeiro fácil, do imperio do mineral co que a ditadura franquista negociaba con nazismo alemán. Un mundo esteado na inxustiza e na corrupción; unha sociedade esmirrada e carente de perspectivas  para alguén como a protagonista da novela -unha moza de dezasete anos-  obsesionada pola teima da independencia e da autonomía persoal da muller, que pretende ser un ser humano libre nun ambiente infernal que rematará por apoderarse dela como unha enfermidade.

O autor soubo dotarse dunha boa historia e cóntaa claro, seguido e ben, seguindo ao pé da letra o consello cunqueirán , con técnicas que aproximan este relato ao mundo do cine e con ingredientes de novela negra. Non son obstáculos nin barreiras para a lectura eses acenos que aproximan o texto á metanarrativa, xa que esta historia da febre do volframio é unha sorte de novela dentro da novela que un avó lle conta a súa neta.

Mais, como digo, o gran valor de Febre, ademais de ser posuidora a novela dunha historia atraente, con suficiente gran de aventura e ben ganduxada, consiste no feito de nos agachar a realidade do que era a sociedade galega dos primeiros anos corenta en certas bisbarras galegas, fondamente sacudidas pola febre do volframio, nin os ambientes turbios, semellantes aos do Oeste americano cando a febre do ouro. Todo iso, mesmo o sexo que ve  a protagonista e que aparece en toda a novela, un sexo depravado polas relacións de poder e de diñeiro, tamén forma parte dunha memoria histórica que Héctor Carré soubo recuperar e reconstruír con grande acuidade.

Viewing all articles
Browse latest Browse all 17

Latest Images

Trending Articles


FELIPE MACHMAR [19.994]


Un cielo inalcanzable


Chino & Nacho - Tu Angelito ( Instrumental Original )


2 cachas remix - various artist ( acapella original )


Misa crismal | El obispo Lugones llamó a los sacerdotes a “cuidarnos para...


Tiburón Martillo


Crustáceo Cascarudo


Chibi Cell perfecto


Goku tamaño real


SVENJA HERRMANN [20.216]


Daddy Yankee - La Despedida (Acapella + Instrumental) (Original de Estudio)...


ISABEL DE CASTRO Y ANDRADE [18.411]


Por: Ana Quintero


Farruko Ft Mario VI - Asiento de Atras (Acapella)


Hector El Father - Sola (Instrumental + Acapellas) Normal y Remix Originales...


Armadura Dragón Shiryu


Mafalda


Groudon


CATERINA DAVINIO [20.217]


AKEEM LASISI [20.214]